O Pazo de Liñares, situado na parroquia de San Martiño de Prado (Lalín), é un dos pazos de maior maxestosidade da Comarca de Deza. Construído a finais do s.XVII e comezos do s.XVIII, foi propiedade dunha das grandes casas fidalgas de Galicia: os Taboada.

Tralo seu abandono e posterior deterioro, na actualidade está totalmente rehabilitado; foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) no ano 2009 e, desde 2014, funciona como un colector de diversas iniciativas. Baixo o nome de Espazo Liñares, acolle:

  • Museo Galego da Marioneta: o mundo máxico dos monicreques e as marionetas atopa aquí o seu espazo. Único das súas características en Galicia, conta con dúas salas de exposicións e unha biblioteca especializada moi completa.
  • Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA): funciona como unha extensión do Museo de Pontevedra, encargándose do proceso de catalogación e estudo dos numerosos restos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra.

O CXCA converte a Lalín en referente na investigación e, de maneira conxunta con Castrodeza, traballa na divulgación da amplísima riqueza castrexa da comarca coa realización de visitas didácticas. Nelas os visitantes poden observar os traballos que se realizan no laboratorio arqueolóxico e coñecer os seus resultados a través da visualización de restos xa procesados.