A comarca de Deza goza dunha situación xeográfica inmellorable: está situada no extremo norte da provincia de Pontevedra, a curta distancia das principais cidades galegas. Trátase dunha comarca dinámica e en constante desenvolvemento que está integrada por seis concellos: Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Estas terras destacan por atesourar un rico patrimonio natural, cultural e gastronómico:

Entre as súas paisaxes sobresaen a Fraga de Catasós, que agocha carballos e castiñeiros centenarios baixo a categoría de Monumento Natural, a Serra do Candán, as Brañas de Xestoso, os Sobreirais do Arnego ou a impresionante Fervenza do Toxa (todos eles espazos naturais declarados LIC- Lugar de Importancia Comunitaria- dentro da Rede Natura 2000).

Percorrer os camiños tradicionais é o mellor xeito de desfrutar da beleza paisaxística desta comarca.

A paisaxe de Deza, como escenario no que se desenvolve a vida humana dende antigo, revela a presenza das distintas culturas que a poboaron. O conxunto de petróglifos de Moimenta, as mámoas de Alperiz ou Refoxos, os 107 xacementos castrexos catalogados e un patrimonio románico de gran valor cultural (a Ponte de Taboada, os Pazos de Bendoiro, Liñares ou Figueroa, o mosteiro de Carboeiro…) son as testemuñas dun pasado que confire personalidade e carácter a este territorio.

Esta é tamén unha terra prolífica en produtos de calidade, o que da lugar a unha excelente gastronomía. A proba é que nos seis municipios da comarca existe unha importante tradición de festas e feiras gastronómicas para a exaltación das producións locais, algunhas das cales gozan de gran popularidade: a Feira do Cocido (Lalín), a Festa da Empanada de Bandeira e da Tortilla de Laro (Silleda), a Festa da Carne ao Caldeiro (Dozón), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Caza (Rodeiro), a Festa do Porco Cebado e Leitón (Agolada)…